21/12/2015
Convocadas as axudas aos investimentos para a elaboración e comercialización de produtos vitícolas, financiadas polo Fondo Europeo Agrícola de Garantía (Feaga), e se convocan para o ano 2016.
Poderán ser beneficiarios da medida de investimentos as empresas que realicen actividades de transformación ou comercialización de produtos vitivinícolas ou ben ambas as dúas actividades simultaneamente. Entenderase por produtos vitivinícolas os mencionados na parte II do anexo VII do Regulamento (UE) nº 1308/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, e que se producisen no territorio español.
Listado de actuacións admisibles
1. Elaboración de produtos vitivinícolas: as operacións propias do proceso de elaboración, desde a recepción da uva ata o almacenamento do produto terminado, incluíndo os sistemas informáticos para o control dos procesos produtivos.
2. Control da calidade: calquera operación realizada no proceso de control da calidade dos produtos, desde a toma de mostras na recepción da uva na adega, os controis realizados durante o proceso da elaboración, o aseguramento da rastrexabilidade, os sistemas de calidade ou a implantación de normas de calidade alimentaria.
3. Comercialización: calquera operación realizada nos países da UE, incluída España, en:
a) Puntos de venda directa na adega, incluíndo salas de exposición e degustación, pero separados fisicamente das instalacións de elaboración.
b) Puntos de venda fóra da adega, almacéns, centros loxísticos e oficinas comerciais.
c) Equipamentos necesarios para a exposición e/ou venda.
d) Desenvolvemento de redes de comercialización.
e) Hardware, software, plataformas web/comercio electrónico, para a adopción de tecnoloxías da información e a comunicación (TIC) e o comercio electrónico.
4. Vinculadas á empresa en xeral: as operacións que melloren a estrutura operativa dos sistemas de xestión administrativa, a organización e o control da empresa, así como o desenvolvemento das redes de información e comunicación.
Tamén serán subvencionables os seguintes tipos de gastos:
a) A construción, adquisición ou mellora de bens inmobles.
b) A compra de nova maquinaria e equipamentos, incluídos os soportes lóxicos de ordenador, ata o valor de mercado do produto.
c) Ata un 8 % dos gastos xerais ligados aos puntos a) e b) anteriores como honorarios de arquitectos, enxeñeiros e asesores, estudos de viabilidade ou adquisición de patentes e licenzas.
Non son subvencionables as partidas xerais a tanto global ou por imprevistos.