Fálase de improvisación cando alguén fai as cousas sobre a marcha, sen planificar previamente o camiño, rapidamente e moitas veces sen ter moi claro o resultado ao que se pretende chegar. Dende esta perspectiva, improvisar é, pois, o resultado de vivir humanamente. Erre que erre nace do empeño de seguir sendo nós indo máis alá, xa que estamos certas de que a canción improvisada é un ben global que
temos que conservar mais tamén somos conscientes de que o mundo de hoxe non é o mesmo que o de hai cen anos e queremos unha improvisación viva e actual, que coide e mime as persoas que a practiquen, que axude a facer amigxs e que sexa unha ferramenta contra todas as discriminacións. Trátase dunha plataforma que coordina as actuacións de diferentes formadores e formadoras en improvisación oral e que mantén como filosofía que se hai algo que está sen facer, o mellor é facelo. Cremos que a improvisación oral é unha ferramenta que pode mudar o mundo e por iso queremos levala o máis lonxe posible. Construímos esta canción dende o que nós somos: persoas diversas que cremos que é posible debuxar unha realidade máis xusta e igualitaria. Erre que Erre quere ser polo tanto un centro de coordinación de forzas que ofreza obradoiros e actuacións relacionadas coa improvisación oral en diferentes espazos e de diferentes temáticas. Tamén un centro de difusión do que vai acontecendo neste mundo da improvisación rabuda. Estamos en Facebook, Instagram e no correo electrónico # # # mais sobre todo queremos estar nos coles, nos instis, nas rúas, nos bares, nas asociacións de veciñas, nos furanchos... queremos estar no mundo e queremos unha regueifa e unha canción improvisada que permaneza. En 2022, diante de 13000 persoas dous bertsolaris, Amets Arzallus e Maialen Lujambio, cantaron que "este país precisa de novas letras" e que "para gañar esta loita temos que gañarlle á desesperanza". Seguindo esta estela nace Erre que Erre: recuncho de regueifa rabuda.